UUAA: ”O leite de saldo francés está a marcar o prezo ao español”

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, denuncia que seguen entrando cisternas de leite líquido procedentes de Francia a un prezo sensiblemente inferior ao que perciben os gandeiros franceses, o que provoca unha caída da cotización da materia prima no mercado nacional.

“Nós temos probas da entrada de cisternas de leite enteiro que, pagando en Francia un prezo medio de 32 céntimos de euros, foron postas no País Vasco a 25,6 céntimos, incluído o transporte”, dixo o secretario xeral de UU.AA en declaracións a EFE.

Roberto García afirma que o Goberno “ten coñecemento oficial de todas e cada unha das cisternas que están a entrar, do prezo ao que están a entrar e de onde van destinadas”, polo que “debería pór encima da mesa esa información” e “actuar en consecuencia”.

Segundo o dirixente sindical, esas prácticas están a provocar “uns danos graves ao sector lácteo español e, de forma moi concreta, ao galego, porque é certo que esta situación se paga con máis dramatismo en Galicia, dado que están aquí a metade dos gandeiros do Estado”.

Nesta época do ano concéntrase un volume importante desas entradas de leite líquido, porque hai “un excedente maior en Francia” e “máis este ano”, explicou García, dado que no país veciño houbo un “incremento de produción brutal, de case un 5%”, en relación co exercicio anterior.

Para García, o problema non é o leite que chega doutros países ao mercado nacional, porque España é un país deficitario e cada ano “entran de fóra unhas 400.000 toneladas de leite líquido”.

“O problema non é que entre leite”, insistiu o dirixente sindical, nin sequera “o prezo ao que entre”, porque é comprensible que “se a industria española necesita leite e pode compralo a 0,25 non o compre a 0,30 euros”, pero o que destorce o mercado é que unha porcentaxe tan exigua da materia prima que se envasa en España, que apenas representa “o 5% do que se consome”, lle marque o prezo ao outro 95%”.

“Nós entendemos que ese 5%, que é un mercado residual, entre os máis barato posible, porque é bo para a industria e nós nunca nos oporemos a iso, pero o que non comprendemos é que ese leite de saldo sexa oa que lle poña prezo ao resto do leite español”, insistiu.

Nese sentido, recordou que “é difícil de explicar que, nunha situación de libre mercado”, cando España é un país deficitario en produción láctea, os gandeiros galegos cobren tres céntimos menos de media que en Francia ou Alemaña.

A Policía de Quebec aterrada por… ¡unha vaca!

“En Galicia quedaban sen balas o primeiro día que cheguen”. Así comenta no popularMenéame un cibernauta galego este vídeo protagonizado por varios policías de Quebec que xa son obxecto de todas as burlas.

A historia é simple. Unha vaca escápase nunha zona rural. Os axentes acoden ao lugar para evitar que poida supor un perigo para a circulación. Os axentes amedréntanse ante o animal dun xeito esaxerado e compórtanse coma se estivesen ante unha persoa armada. Non son capaces nin de achegarse, nin de atar, nin de acurralar á vaca e acaban por empregar as súas armas.

Un veciño de Botos, trasladado en helicóptero ao ser embestido por unha vaca

Un veciño do lugar de Ateán na parroquia lalinense de San Xoán de Botos, Marcial S. S., resultou ferido por unha das súas vacas cando sacaba ao gando a pastar sobre as 17.30 horas de onte. A res, que non facía moito dera a luz, embistió ao home de 79 anos, que foi trasladado en helicóptero ao hospital Clínico de Compostela. A vítima sufriu unha ferida de pouca gravidade que requiriu sutura e mantíñase estable á súa chegada a Urxencias, onde lle realizaron varias probas para descartar posibles lesións internas.