Coren investirá 38 millóns en granxas a cambio dos 117 megawatts eólicos

Pór en valor os recursos naturais. Con esa filosofía presentou Coren a súa oferta ao concurso eólico, ao que acudiu a través da sociedade Vector Verde, compartida cos grupos Cupa, Adianta e Ceferino Nogueira, e coa que o pasado venres obtivo 117 dos 2.325 megawatts adxudicados pola Consellería de Industria, un 60% do total de potencia solicitada en xullo.

O grupo propuxera á Xunta ata 22 proxectos industriais por un importe de 95,7 millóns de euros e que a mesa de valoración do concurso depurou ata os 73,7, que deberán cumprir íntegros ao superar o limiar mínimo de potencia consignado na plica. Dese investimento, Coren asumirá máis da metade: 38 millóns que destinará a dous proxectos agrogandeiros nas provincias de Lugo e Ourense.

A actuación principal pasa pola construción de 190.000 metros cadrados de granxas extensivas, tanto de avicultura como de gando porcino, ao aire libre, que apostarán pola sustentabilidade ambiental da explotación e a súa integración coa contorna.

Recuperación de terreo

Xunto a este proxecto, inclúese tamén a recuperación dunhas dez mil hectáreas de montes queimados para transformalos en campos de cereais e pasteiros. Neles incorporarán razas autóctonas de vacún para a produción de carne, unha experiencia que o grupo xa desenvolve nunha granxa piloto situada na localidade ourensá das Maus de Salas. Con esta iniciativa, Coren busca pór en valor, a través da actividade económica, os terreos abandonados tras os incendios.

Segundo os cálculos do grupo ourensán, o seu plan industrial permitirá crear preto de 300 postos de traballo directos e outros 600 indirectos, contribuíndo «ao desenvolvemento e a fixación de poboación» no medio rural. Co concurso eólico, Coren aumentará a súa presenza no campo das enerxías renovables, que iniciou co uso de enerxía solar, geotérmica e de biomasa nalgunha das súas granxas cooperativas e as súas plantas de produción. Unhas iniciativas que apontoou no 2007 coa inauguración do Centro Tecnolóxico Ambiental de Sarreaus, onde transforma en abono os residuos gandeiros das cooperativas.

Máis investimento

Ademais das de Coren, o plan industrial de Vector Verde inclúe iniciativas nos campos da minería, a construción, o sector marítimo e portuario e tamén o enerxético, onde se asenta a actividade tradicional dos outros tres grupos que conforman a sociedade e que, segundo os seus portavoces, poden achegar «experiencia profesional e músculo financeiro».

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s