O 72% do leite que se produce en Galicia recóllena firmas foráneas

O sector lácteo galego padece nestes momentos unha crise de prezos que puxo en perigo a viabilidade de centos de explotacións, que venden o seu produto por baixo do que custa producilo. E dáse a circunstancia de que dos seis millóns de litros diarios que se producen na comunidade autónoma, o 71,6% recólleno firmas foráneas. E hai quen cre que esta dinámica de mercado podería ter un reflexo económico ben distinto se se constituíse na comunidade un gran grupo lácteo galego, un desafío que se viu frustrado durante décadas.

O 21% da produción está en mans de firmas francesas, se se ten en conta a última operación do xigante galo Lactalis, que acaba de chegar a un acordo para facerse con Puleva, en dura pugna con Pascual, por 630 millóns de euros. A suma dos 350.000 litros que procesa a planta de Puleva en Nadela e os 750.000 da factoría que ten Lactalis en Vilalba, unidos aos 160.000 que recolle a francesa Danone na comunidade para transformalos en Asturias e Madrid, supoñen un belisco considerable xestionado pola industria francesa.

A manobra de Lactalis, o grupo da familia Besnier, abre pois un capítulo de interrogantes en Galicia, nun momento de crise, e son moitas as organizacións do sector dispostas a seguir de cerca o comportamento da firma francesa, no capítulo dos contratos homologados, pola súa importante cota de mercado. Non se entendería, por exemplo, que non aplicase en Galicia unha política de acordos cos produtores, algo que si fai en Francia.

Capacidade de negociación

A operación non só outórgalle ao grupo galo un maior peso no mercado, senón que tamén multiplica a súa capacidade de negociación coas distribuidoras, boa parte delas tamén de orixe francesa. O temor estendeuse especialmente entre as industrias que subsisten grazas fundamentalmente ao envasado de marcas brancas, que agora están á expectativa.

Un dato. As marcas brancas controlaban ata agora en Galicia máis do 80% do leite que se envasaba na comunidade. As empresas alimentarias venden calidade a bo prezo, pero a crise orixinou que envasen masivamente en branco. Fai dous ou tres anos, apenas o 50% da produción das doce industrias principais destinábase a esta modalidade. O director xerente de Feiraco, José Luis Antuña, prognosticaba hai uns meses que a dinámica é imparable e que en pouco tempo chegarase a cifras do 90%.

Alimentación infantil

Coa compra de Puleva, Lactalis pecha o círculo de leite líquido, queixos e elaborados lácteos, entre eles os iogures da Leiteira. Hai pouco máis dun mes adquiriu Forlasa ?-a operación non recibiu aínda o visto e prace de Competencia-, o que lle permite incorporar ás súas marcas Flor de Esgueva, O Ventero, Gran Capitán e Don Bernardo. Ademais, coa adquisición da firma andaluza introdúcese no sector da alimentación infantil e nos leites especiais.

A operación non deixou indiferente a ninguén, e chamou moito a atención das organizacións agrarias, convencidas de que o sector galego queda en mans dunha compañía «que non é calquera empresa», e que, «se vai mirar algo, ante todo, van ser vos seus intereses».

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s