“Vaca ou morte, venceremos”

O libro sagrado da vaca. A biblia dos agnósticos de Galicia. Un acto de patriotismo. Un chamado a entender de onde vimos. Mesmo un libro erótico dedicado a un animal icónico da cultura e a economía do país. Todo iso vén a ser No país das vacas (Xerais), o novo libro do fotógrafo Xurxo Lobato (A Coruña, 1956), unha “homenaxe visual” á vaca a través de ducias de fotografías, dous ensaios e máis de corenta testemuñas que onte se presentou nun acto inzado de autoridades no auditorio da Fundación Caixa Galicia da cidade da Coruña.

Á convocatoria do editor Manuel Bragado, responsábel de abrir a quenda de intervencións, acudiron o director xeral da entidade, José Luis Méndez; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o xefe superior de Policía de Galicia, Luís García Mañá; e o fiscal superior, Carlos Varela, entre outras autoridades do país, amais das ducias de persoas que ateigaron o auditorio dos Cantóns.

O catedrático Lourenzo Fernández Prieto, autor dun dos traballos que acompañan as fotografías de Lobato, Inventando a vaca: do reino das rubias ao reino das pintas, recordou as orixes da rubia galega nunha granxa experimental en Monelos, na Coruña, e emprazou os asistentes a lembrar de onde vén a riqueza de Galicia.

Cómpre non esquecer, argumentou o historiador, que foi decote “a acumulación de capital dos tratantes de gando” a que permitiu desenvolver e diversificar a economía galega posterior, de xeito que non habería tanta distancia entre a investigación de Pharmamar no fondo mariño, por caso, e o mundo da vaca. Por iso, para o historiador, o traballo do fotógrafo e colaborador de Xornal é, tamén, “un chamado a entender de onde vimos”.

O empresario Xosé Turnes, ex directivo de Leyma hoxe en Progando, aproveitou a súa quenda de palabra para desarmar algúns dos “tópicos” que aínda circulan arredor da economía da vaca, iso si, “sen entrar nas penas e calamidades dun sector que o está a pasar mal pero que resistirá como a pinta marela”. Ao ver de Turnes, que remataría a súa intervención lendo un irónico “comunicado” en nome do animal, “xa era hora de facerlle unha homenaxe á vaca e de recoñecerlle a súa fonda pegada”.

Para o poeta e produtor audiovisual Antón Reixa, quen xa contribuíra á renovación da iconografía da vaca con Sitio Distinto, o programa que dirixiu e presentou na TVG dos primeiros anos noventa,No país das vacas é “un libro sagrado, a biblia dos agnósticos de Galicia”. Malia a que a pinta marela falara minutos antes por boca de Xosé Turnes, Reixa insistiu no “minimalismo” do animal ao que se dedican as fotografías que Xornal adiantou hai dúas semanas no seu dominicla. “As vacas non falan, pero saben estar”, dixo o escritor e colaborador deste diario. “Sosterlle a mirada a unha vaca é a mellor maneira de profundar na condición humana. As vacas somos nós. Sen vacas non hai futuro. Vaca ou morte, venceremos”.

http://www.xornal.com/artigo/2009/12/22/cultura/vaca-morte-venceremos/2009122200380300936.html

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s